Tuesday 07 de May de 2024

Cariño aproba investimentos por 152.000 euros no primeiro pleno presencial desde o inicio do Estado de Alarma


Destinaranse a gasto corrente, para financiar gastos derivados da crise sanitaria e para a construción dun novo parque en Feás con aparcamento.

O Concello de Cariño celebrou onte o seu primeiro pleno presencial tras declararse o Estado de Alarma. A sesión serviu para sacar adiante diferentes investimentos con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña que alcanzan en total os 152.000 euros e que se destinarán a cubrir gastos e á construción de novos equipamentos.
Destinaranse 25.000 euros para financiar gastos sociais derivados da crise sanitaria actual orixinada pola expansión do Coronavirus. Esta partida forma parte do Plan Único Adicional 2020 da Deputación da Coruña, que modificou as súas bases para poder dar resposta á situación de emerxencia actual. Servirán para financiar a adquisición de medios de prevención ( EPI) e a desinfección de espazos públicos.
Doutra banda, o Plan Adicional que tamén inclúe unha partida de 94.000 euros que se dedicarán a gasto corrente. · “Destinar o Plan Único Adicional da Deputación a gasto corrente permitiranos liberar eses 94.000 euros para cubrir a parte que debe asumir o Concello no plan de renovación da iluminación pública de todo o municipio”, explicou José Miguel Alonso Pumar.
Ademais, tamén se modificou por criterios técnicos o proxecto valorado en 33.000 euros para a construción dun novo parque en Feás adaptado a todos os públicos xa que incluirá unha zona infantil e elementos biosaudables para os máis maiores. Aproveitouse o cambio para habilitar un espazo de aparcamento que fará servizo tanto ao parque como ao cemiterio da zona.
As diferentes partidas do Plan Único provincial aprobáronse cos votos a favor do PSOE e PP e a abstención do BNG.
Por último, aprobouse cos votos a favor do PSOE e as abstencións de PP e BNG un recoñecemento extraxudicial de créditos, un mecanismo habitual utilizado para efectuar o pago de facturas a provedores.